Desde Asociación Xadrez A Saleta, na nosa condición de entidade organizadora deste torneo, por mor da difusión de diversos comentarios aparecidos nas redes sociais, gustaríanos poñer en claro algunhas cuestións relativas ao cambio de sede deste ano.
En primeiro lugar, dicir que a organización dun torneo internacional de xadrez, que outros anos tivo preto de 200 inscritos, homologado pola FIDE, un 11 de xullo na ría de Pontevedra, pode parecer sinxela, pero non o é tanto. O número de participantes, a calor ou a afluencia de turistas limitan en gran medida a viabilidade e dispoñibilidade de moitos espazos, tanto públicos como privados.
En segundo lugar, salientar que o Concello de Poio, tanto desde a Alcaldía como a través da Concellería de Xuventude, desde o primeiro minuto en que fomos falar con eles en 2024 até o día de hoxe, sempre se mostrou a prol de que se organizase o torneo en Raxó. Sempre houbo colaboración e séguea habendo: chamadas, reunións, mensaxes. Na última chamada que tivemos este ano, nós expresamos que a nosa primeira opción sempre ía ser Raxó e que o primeiro que faremos o ano que vén, será petar na porta do Concello de Poio, e a resposta que tivemos foi que esa porta para nós sempre estará aberta e que o Concello estará encantado de axudar en todo o que poida.
E por último, gustaríanos poñer en claro que nós sempre quereremos facer o torneo en Raxó e, se non se dan as circunstancias para facelo en Raxó, pois farémolo o máis preto posible. Este torneo faise en lembranza dun bo amigo que era moi feliz xogando ao xadrez e que era moi feliz cada minuto que podía pasar en Raxó. E por respecto a el, por respecto a nós: os seus amigos e familia, que poñemos todo o esforzo para que isto sala perfecto, rogamos que estas, as nosas palabras, sexan as últimas que se falen sobre este tema e, polo tanto, que esta mensaxe non atope resposta algunha. Gustaríanos pedir tamén que nunca máis se volva empregar o nome do noso torneo para nada que non sexa a difusión do xogo do xadrez ou da sorte que é poder disfrutar da vida e do agasallo que é facelo en Raxó.