Hoxe van xusto seis meses dende que Alberto botou a súa última partida de xadrez. Foi ao mesmo lugar de sempre, xogar cos de toda a vida. O físico non acompañaba moito, pero a cabeza seguía aí, igual que as ganas, por riba de todo as ganas, que nunca faltaron.
Era un home extraordinario, e como é habitual nestes casos, poderiamos achegarnos a el dende moitos ángulos. O fillo, o pai, o home, o irmán, o amigo, o profesional da informática, o deportista, o amante das viaxes ou o gourmet. Non é este o tempo nin o lugar para nos estender en cada unha destas súas vertentes, nas que era tan excepcional, o que aquí nos ocupa é o xadrez. Mais cómpre salientar un denominador común de todas estas facetas, o desfrute.
Desfrutaba de todo, e encantáballe desfrutar do xadrez. Un xadrez entretecido co resto das cousas que amaba da vida. Porque desfrutar do xadrez é saír de troula cos amigos, invitalos a durmir á casa e antes de ir para a cama, botar unhas rápidas. Tamén é apuntarse a un torneo da zona, aproveitar para coñecer un pouco mellor a terriña, e cear nese restaurante do que tan ben falan. E por suposto que é buscar un torneo nunha capital estranxeira, organizar a viaxe para visitala, e ademais gañar. Porque desfrutar do xadrez é querer preparar a seguinte partida da liga e aproveitar ese tempo e convertilo nun precioso momento pai filla.
Por iso se fai este torneo, porque Alberto aprendeunos a desfrutar do xadrez. Aprendeunos a desfrutar da vida, aínda que agora nos custe bastante máis facelo, dende que nos falta el.
9 de Maio de 2024